Publicado: 22 de Abril de 2016

 jornada en la que he participado como ponente, para alumnos de CC de la Educación de la Universidad de Vigo en Ourense


O campus acolleu este xoves unha xornada sobre o trastorno por déficit de atención e hiperactividade

Aprendendo a tratar a ese alumno con TDAH que existe de media en cada aula

A actividade estivo dirixida a ampliar a formación dos estudantes de Ciencias da Educación

inShare



Rosa Tedín | Ourense 


Parece que non escoita, esquece as cousas, distráese con calquera cousa, cambia continuamente de actividade, evita facer tarefas que requiren un esforzo mental sostido, móvense constantemente, interrompen aos demais, responden de forma precipitada... Estes comportamentos non son alleos a moitos nenos e nenas. Pero no caso de arredor dun 3% deles non é unha cuestión de falta de educación, é debido a un problema neuronal, teñen un trastorno por déficit de atención e hiperactividade, o coñecido como TDAH. Para explicarlles aos docentes e futuros docentes os seus síntomas e tratamentos, tanto desde un punto de vista médico como pedagóxico, este xoves membros da Fundación Ingada, Instituto Galego do TDAH e Trastornos Asociados, ofreceron unha sesión formativa no campus de Ourense. 



A actividade, que se celebrou na Facultade de Ciencias da Educación, estivo organizada coa colaboración da Vicerreitoría do campus e do seu Gabinete Psicopedagóxico. A realización desta xornada, apuntou Mar García, decana da Facultade de Ciencias da Educación, é moi acaída tendo en conta o feito de que “os docentes xogan un papel fundamental na identificación, avaliación e intervención dos escolares con TDAH, pero para levar a cabo estas funcións de xeito axeitado é imprescindible un coñecemento sólido e actualizado sobre o problema”. Os nenos e nenas con este trastorno, subliñou García Señorán, “en moitas ocasións van encontrar especialmente adverso o colexio”, enfrontándose a situacións problemáticas que lle van a afectar a el e á súa contorna, polo que recalcou a importancia de formar aos futuros docentes en competencias neste eido. “Para o profesorado é un motivo de preocupación detectar e tratar estes casos, polo que esta xornada é de máxima utilidade para a formación dos futuros educadores”, engadiu José María Faílde, director da Área de Planificación do campus durante a presentación da xornada. 



O xénero si importa


A sesión, de tres horas de duración, foi impartida por Ángeles Varela, médica de familia e directora do Departamento Clínico da Fundación Ingada, e Celia Domínguez, psicóloga e directora do Departamento Psicopedagóxico da mesma entidade. Durante a súa intervención, as persoas asistentes puideron coñecer as manifestacións clínicas deste trastorno, a súa diagnose, o seu tratamento e a súa abordaxe psicopedagóxica. O TDAH, explicou Varela, “é un trastorno do neurodesenvolvemento que se caracteriza por un patrón persistente de inatención, hiperactividade e impulsividade que altera a vida social, familiar, escolar ou laboral das persoas que o padecen”. Nun 80% dos casos, apuntou, é herdanza xenética e o seu tratamento abórdase tanto desde un punto de vista farmacolóxico como psicopedagóxico.



Este trastorno, indicou a directora do Departamento Clínico da Fundación Ingada, “parece que está agora de moda e que é unha invención recente, pero xa se remonta a 1902”. Na actualidade, sinalou, está incluído pola Organización Mundial da Saúde dentro do apartado de enfermidades mentais. Segundo os datos que se manexan, a súa incidencia sería dun persoa por aula, nun 70% dos casos con algún outro trastorno asociado e nunha proporción de 4 nenos por cada nena. Nesta diferenza por xénero, salientou a médico de familia, tamén pode estar influíndo a diagnose, xa que no caso das nenas os síntomas son máis de inactividade e non tanto de hiperactividade, pasando máis desapercibido polo tanto o seu trastorno. 



O TDAH, explicouse durante a charla, ten a súa orixe en alteracións químicas e anatómicas do sistema neuronal e das súas conexións, manifestándose nas persoas que o padecen alteracións nos niveis de dopamina e noradrenalina, entre outros aspectos, que afectan ás súas funcións executivas, á súa capacidade de análise e planificación e a outros aspectos característicos deste trastorno, como a impulsividade, a hiperactividade ou o déficit de atención. Froito destes alteracións, o que distingue aos nenos con este trastorno dos que non o teñen, aínda que poidan presentar comportamentos deste tipo, é o feito de que estes síntomas son moito máis acusados e alteran gravemente a súa vida e a das persoas que lle rodean.



Visibilizar a diversidade“A contorna escolar é un dos ámbitos onde os nenos e nenas pasan máis horas. O coñecemento que teña esa contorna sobre o TDAH e sobre como abordalo e atender as necesidades específicas de quen o ten vai determinar nun grao importante a evolución dese neno e o seu rendemento”, apuntou Celia Domínguez. Na actualidade, recalcou a psicóloga, “todo o mundo entende o TDAH como falta de atención, hiperactividade, etc. pero non se coñecen tanto as repercusións que ten a nivel cognitivo, emocional ou social”. Contra esta situación, apuntou, desde a súa fundación traballan dun xeito interdisciplinar xuristas, psicólogos, orientadores, médicos e outros profesionais. Co seu traballo, indican, queren contribuír a mellorar a vida das persoas afectadas e “facer visible a diversidade existente e que a sociedade contemple esta diversidade como algo enriquecedor e non como un problema”.